«Saben que a enciclopedia de referencia en Internet, a Wikipedia, ten en galego a décima parte dos artigos que en español, pese a que a porcentaxe de galegofalantes no mundo é 0,7% da de
hispano falantes? Que hai aplicacións informáticas que se traducen antes ao noso idioma que ao francés ou ao alemán? Que tamén está traducida Facebook, a rede social que tende a ter tantos
membros no mundo como usuarios de Internet, e na súa irmá emerxente, Twitter, o galego está entre os 20 idiomas máis usados? O idioma propio de Galicia ten unha presenza na Rede moito máis
elevada que nos medios de difusión tradicionais, e todo iso non con subvencións oficiais, como reza o mantra neoliberal, senón grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de persoas. [...]
O altruísmo tamén o practican as empresas. Algueirada, sociedade de animación cultural, é o soporte de Blogaliza, a comunidade de blogs que agrupa e difunde 2.800 das 9.000 bitácoras que se
estima existen en galego. Dálles hospedaxe, aplicacións e servizos de balde, incluído o de consulta técnica on line, un soporte certamente inhabitual. Todo, incluídos tres postos de traballo e
tres colaboradores, sufrágase cos outros ingresos da empresa, sen axudas públicas. “Nunca as pedimos. A gran construción intelectual que é o software libre é unha economía de agasallo, que non
é economía, pero si que o é. E na medida en que necesitamos axuda, a comunidade de blogs colabora, bota unha man etiquetando…” explica Pedro Silva, un vilagarcián de 37 anos que traballa a
tempo completo en Blogaliza, onde se xuntaron esforzos voluntarios para realizar AchegArte, a feira cultural que substituíu ao Culturgal cando a Xunta non se fixo cargo. [...]» (Ler máis en
El País)