Segundo contan, Miguel Ánxelo namorouse dun adolescente cando contaba 57 anos e se
achaba no cimo da súa carreira. Foi o xoven modelo e aprendiz do artista, así como destinatario de abondosas cartas e sonetos de “unha tremenda sensualidade”: «O meu corazón está por primeira
vez nas mans de aquel a quen teño confiada a miña alma…». O veterano artista, extasiado polo sentimento ofrecía ao mozo deseños para a súa aprovación, solicitándolle que de non gustar llo
comunicase para pórse inmediatamente a elaborar outro máis oportuno pola noite… Entre eles houbo unha sólida relación de máis de 30 anos, mais segundo nos contan “non chegou a darse consumación
física”. Non? Quen pode asegurar que os amantes durante tres decenas de anos de sólida relación non aproximaron as súas carnes para deixalas fundirse so o lume da paixón?
Particularmente, non teño ningunha curiosidade sobre a profundidade das relacións íntimas da xente, quer morta, quer viva. Onde a xente toca e se deixa tocar, onde entra e onde deixa entrar, non é do meu interese. Mais cando, como nun caso como este, tan ousadas afirmacións se dan sobre a vida da xente sen fornecer vídeos ilustrativos, fotografías, testemuños e certificados avalados debidamente, entón sospeito beataría, homofobia ou unha fonda frustración anal acosada por algunha tentación autocensurada.
Non, amigos, a cousa é máis fácil que argumentar irracionalmente que “a relación ficou circunscrita ao ámbito artístico porque todo o demais -a diferenza de idade e a extracción social, a presión do ambiente no círculo papal, tamén a austeridade, soidade e abstinencia sexual que abrazou Miguel Ánxelo en prol do seu amor á arte- acabou impoñéndose fronte ao pracer físico”. Vaia, vaia, como pode alguén hoxe xulgar con tanto pormenor a contención amorosa dunha parella de hai centos de anos? Quen necesita argumentar que non esvaraban como nenos, entre gargalladas, sobre ríos de seme irrigado en corredores palatinos rodeados de frescos maxistrais? Quen precisa asegurar que non desfrutaban como porcos, que non se bababan de pracer, extasiados, até ficaren adormecidos co flácido membro de un na man do outro? Pola diferenza de idade? Pola abstinencia de quen? Pola influencia do Papa, esa institución modelo de contención sexual?
Por favor, lean os inocentes o Banquete de Platón, e verán como o grande Sócrates, mestre respectado e curtido señor, é disputado polos mozos da reunión como trofeo a gañar. Lerán como entre tanta filosofía, o xoven Alcibíades anda preocupado por tan diversas e comúns dimensións do amor humano… É que non se pode idealizar en exceso, porque se non o camiño da verdade se torna difuso.



