Para todas aquelas que precisan algunha reflexión máis sobre a situación do mercado do libro dixital recomendo esta lúcida nota de Enrique Dans sobre a “guerra dos eBooks”.
Ao final si temos que recoñecer que existe un
conflito grave nesta sociedade, mais non é de carácter lingüístico. É institucional, e pon en causa mesmo a vontade democrática do goberno galego. Diríamos, despois de observar os meses de
mandato do PP, que chegaron ao goberno para actuar como señores da terra, como se os cidadáns fosen vasalos a traballar unhas leiras emprestadas. Do noso traballo, suado día após día, temos
aínda de dar os inxustos dícimos para a construción do grande
túmulo da cultura galega, cando os proxectos de hoxe, aqueles que están en marcha e sachan o noso futuro, son abandonados polo apoio
institucional. Semella que recaudan impostos sanguinarios para logo nos ofreceren morcillas a comer. É isto futuro? Isto ten outro nome: canibalismo encuberto ou aniquilación premeditada.
Os esforzos de institucións culturais e de ensino, e aqueles tan populares que deron en manifestacións tan rotundas como as tres catedralicias xuntanzas e a cultural AchegArte, produciron nese goberno un movemento cara a retagarda. Porén, isto non debería ser a guerra, nin os gobernantes seren enemigos da ponderación e do benestar social. Din hoxe desde o goberno, ante o rexeitamento social abrumador do pobo, que se mateñen “fieis aos seus principios” , aínda que polo momento afrouxen a corda con que pretenden esganar o patrimonio cultural do país. Que desculpas son esas de que “eu non estaba aquí nese momento”? É que agora, coas mans tinguidas e a arma do delito na man, pretenden eludir a culpa cunha infantil cohartada? Ergueron un pretendido decreto do ensino dando as costas aos profesionais do sector, isto é, sen autoridade pedagóxica, e agora van mudar a proposta porque a protesta popular os puxo a eles mesmos en causa como gobernantes. Só reaccionan ante o medo a unha estampida que os poda pisar, eis uns “principios” carentes de criterio técnico, os únicos que albergan as súas mentes sedentas de poder [...]. (Ler máis en blogaliza.org)
Fotografía: un enorme bolo de chapapote que esta fin de semana expectorou o mar na praia de Valcovo, en Arteixo.
Houbo algunha vez un libro presentado simultaneamente en tantos lugares do mundo? Isto
ten un valor algo máis que simbólico: ten recendo a humanidade.
Ángel Gómez Morán Santafé, desde Xapón, tenta contactar con Carlos Oroza para agradecerlle o seu talento e os bons momentos que viviu de neno grazas a el.
Hai tempo que tenta usar este blogue como medio de comunicación e non podemos
desatender actitudes deste teor.
Se alguén coñece o modo de contactar con Carlos Oroza pode deixar recado aquí.
«[...] Somos minorizados, periféricos, emerxentes ou, simplemente, pequenos? Facemos da
transgresión a nosa vía ou sobrevivimos nas marxes? É a nosa lingua unha árbore aínda vizosa ou, pola contra, traballamos con vimbios lisos e eslamiados de puro celo institucional? Podemos
soñar cun paseo digno polo mundo ou segue a ser urxente mellorar a nosa casa? Énos aínda preciso saírmos á rúa a pelexar o noso espazo —solidarios, loitadores e carnais— ou máis ben o noso
atractivo pende da forza e da imaxinación coa que habitamos os espazos libres que a Rede ofrece? Logo duns intensos días de conversa ao abeiro da forza telúrica de Arántzazu, fíxose ben patente
a diferenza de velocidades e estratexias con que cada un dos nosos países percorre hoxe o camiño. Ficamos, pois, coa sensación desacougante de estar a perdérmonos e vista e, tamén, coa
convicción de que o foro Galeusca precisa e merece —se cadra máis que nunca— ser reiventado.
Esa diferenza de velocidade mostra tamén os camiños, ferramentas e obxectivos que cada literatura se marca, emprega ou desexa. A delegación galega foi explícita na súa vontade de mirar o futuro, valorando positivamente o estado da produción propia e a súa proxección. Lonxe de deternos a avaliar os espazos consolidados ou colapsados, todos coincidimos en que a escrita galega atopa na rede e nas novas tecnoloxías un terreo aberto no que poder expandirse con eficacia. E foi nesa liña de apertura explícita, alentada pola nosa delegación, onde xurdiron algúns dos debates máis acendidos; sobre todo no desembarco do libro dixital e aos cambios evidentes que isto vai provocar no sector. Concordamos todos en que o libro tradicional é un obxecto útil desde hai máis de medio milenio, e ninguén dubidou de que terá un lugar específico a carón do libro dixital. No entanto, houbo trasacordos nos tempos de implantación dos novos soportes literarios.
Por outra parte, a tecnoloxía permite, con melloras superadas a cada momento, unha redución tal dos gastos de posta en mercado das obras que sen dúbida xustifica un maior beneficio do creador. Neste sentido, revélanse imprescindíbeis fórmulas novas para a remuneración xusta dos dereitos de autor dentro do contexto dos modos de produción dixital. Sen a necesidade da impresión en papel, con posibilidades de reprodución e distribución de custo reducido, resulta obvio que as porcentaxes dos creadores xa non teñen que aminorarse ante o investimento de produtores e vendedores de produto final.»
Este foi o texto que elaboramos para o número 184 da GRIAL. Revista Galega de Cultura os seguintes autores e autoras participantes no Galeusca 2009: A. Riveiro Coello, D. Tembrás, F. Castro, M. Queixas, R. Vega e A. Ferreiro.
«[...] Apréciase ben na capa do libro, con esa ilustración de Alberto Esperante que tivo que nacer do diálogo e da coordinación. Nela e nos textos anúnciase o que vou situar como fundamento
inventivo deste Metal central, a parábola fabril construída como montaxe de breves proxeccións metamórficas para dar conta dun fluxo ou proceso, o da fabricación metalúrxica e o pouso
que iso deixe nos operarios que a sosteñen, e de varios mitos ou imaxinemas entre os cales os da caverna, o do pequeno mundo do home (micro e macrocosmos en paralelo9 e o do fetichismo da
mercadoría non son menos relevantes.
[...] O prologuista [Xosé María Álvarez Cáccamo] fala de singularidade expresiva e poética, de que ninguén máis está a escribir poesía deste xeito entre nós. Inútil discrepar, se ben parece que libros como Os documentos da sombra, do propio Cáccamo, podería formar parte dunha tradición textual á que non é completamente alleo o oficio de Ferreiro.
[...] O máis interesante da proposta poética do autor xulgo que sexa a consecución, en xeral alcanzada, e só nalgún momento dubitativa, dunha dicción liberada das ataduras dunha polaridade maniquea e derrotista do que, en termos de Hannat Arendt, poderiamos identificar como as coordenadas da acción fronte ás do traballo. Ferreiro explora en suma as inseguras posibilidades de reverter o espectáculo integrado no que se reconfigurou a caverna, no que metamorfoseou o Leviatán, e de alcanzar que o seu discurso poiético e a acción pública marquen un límite consciente entre o ferro e a chatarra, entre a enerxía e a doma. Menciona adoito a fraxilidade e o desgaste , ao tempo que reverencia a mirada inocente que non é quen de evitar o gozo lúdico da produción ou da linguaxe, evidenciado no poema que dá título ao libro mediante paronomasias, figuras etimolóxicas e derivacións que rodan e rodan nun xogo imparábel e metamórfico, acaso esperanzado, acaso absurdo, pero nunca acabado. Ademais, como un recurso último, Ferreiro acode ao mito e formula nel a pregunta sobre o lugar do amor, sobre os seus restos, cosmogónicos pero biolóxicos. Sorprende isto. Estimula non só a imaxinación: tamén a análise.» (Arturo Casas: “Na parábola fabril, o mito”, en GRIAL. Revista Galega de Cultura, nº 184)
«Nunha idade remota, a serpente KaiKai, espírito maléfico que habitaba nas profundidades do mar, virou tola e provocou unha grande inundación; quería acabar cos homes e destruír a
terra. Grazas a TrenTren, a serpente boa, deu a voz de alarma e aconsellou aos homes que subisen aos cerros para non perecer afogados.
Así o fixeron. Homes, mulleres e nenos escaparon ás alturas levando canda eles animais e alimentos suficientes para sobrevivir. Os cerros, coa axuda de TrenTren comezaron a ascender para
afastar os homes da ameaza, pero a poderosa KaiKai seguía elevando o nivel do mar para alcanzalos. Aqueles que non daban acadado os cumes transformábanse en peixes, dando así orixe a novas
especies mariñas.
Durante días, noites e lúas as augas medraron. Os homes seguían trepando e tan alto subiron que tiveron que protexerse do sol coas cuncas que transportaban os alimentos. Aínda así algúns
morreron abrasados.
Diante da ameaza da auga e do sol asasinos, fixeron todo tipo de sacrificios pregándolle aos deuses que axudasen a TrenTren a derrotar a KaiKai. Por fin, puido ser vencida a pérfida serpe. os
mapuches son os descendentes daqueles sobreviventes coñecidos como llituches.» (Xulio L. Valcárcel)
OS PODERES DA AUGA LÉVANME
Vello estou e desde unha árbore
en flor enxergo o horizonte.
¿Cantos aires andei?, non sei.
Desde a outra beira do mar o sol
que se adentra
envíame xa as súas mensaxeiras
e a atoparme irei
cos meus avós.
Azul é o lugar onde imos.
Os poderes da auga lévanme
paso a paso.
O Río do Ceo é apenas
un pequeno círculo
no universo.
Neste Soño quedo:
¡Voguen remeiros! No silencio
vou
no canto invisible da vida.
Elicura Chihuailaf (p. 61)
Realmente a lectura destes poemas é unha experiencia alucinante, tanto polo que poden ter de certas concomitancias telúricas con certa arte nosa canto por unha estética que en ocasión quere parecerme próxima dalgúns poemas galegos de 80. Si, próximos no telúrico e a forma de expresalo, por moito que o que aquí foi tachado de “culturalismo” por moitos no caso dos mapuches máis facilmente se admita como unha corrente dignamente vencellada á tradición. Aínda que os mapuches leven poucas decenas escribindo, estexan alfabetizados en castelán e citen a Henri Michaux.
«Retransmisión online da presentación en Vigo do libro 55 mentiras sobre a lingua galega
A retransmisión comezará hoxe venres 5 de febreiro ás 20:30 e contará coa participación do autor, Xosé-Henrique Costas, e doutros dous membros de ProLingua, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz. Se se produce algunha interrupción durante a mesma, lembra recargar a páxina no botón correspondente do navegador. Se non podes ver a carta de axuste, deberás instalar a última versión do navegador libre Firefox. Tamén podes instalar o plugin de VLC se prefires seguir utilizando o teu navegador antigo. Se non podes instalar software no teu terminal, solicítalle ao administrador da tua rede acceso a estes estándares.» (Ler máis en Prolingua)
Teño para min que unha das eivas maiores deste país é que os políticos operan con absoluta irresponsabilidade técnica. Os caso máis patente na actualidade é o goberno do PP, que desde San Caetano se dedica —entre outros grandes atrevementos que sospeito— a derrubar a fráxil casa da dignidade da lingua galega mentres TODAS as institucións culturais galegas desaproban as súas pretensións. Deste modo, carga contra a normativa lingüística nos ámbitos do ensino, do funcionariado e do sistema literario desatendendo toda a recomendación dos técnicos máis cualificados de Galiza.
Isto é, infelizmente, habitual: os políticos compórtanse, salvo honrosas excepcións, como señores feudais durante a súa lexislatura. Non son xestores dos recursos comúns que se apoian responsabelmente nos técnicos e profesionais de valor que accederon mediante dura concorrencia aos postos máis especializados da función pública, non. Unha actitude que se revela tamén especialmente tráxica nas irresponsábeis actuacións sobre o patrimonio arquitectónico, como agora exemplificarei. E será unha mostra entre un millón, probabelmente.
Onte botei o día co recoñecidísimo escritor Xosé Vázquez Pintor, un exemplo de entrega á literatura e á
acción sociocultural responsábel que moitos seguen de cerca desde hai decenas de anos. Despois de resolver os asuntos literarios que nos convocaban na Agolada e de coñecer o peso da súa
idelidade ao país, mostroume os famosos Pendellos de Agolada, unha serie de postos de mercado centenarios que a vila alberga no centro urbano, erguidos sobre pedra miúda e
toscas columnas que conforman fileiras de cubertos para a venda de mercadorías, todo vencellado á máis antiga tradición. Pois ben, Pintor mostrábame horrorizado a agresiva reforma que o PP
municipal perpetra sobre as rúas daquel recinto ancestral: ante a variedade da vella pedra do solo irregular, harmónica coa humilde e ruda construción dos “pendellos”, os “modernos” políticos
de hoxe deciden levantar o chan histórico e colocar pedra lisa, branca e rectilínea! E o noso escritor, que se manifestou sobre tamaña falta de sensibilidade, aínda tivo que escoitar que “debía
coidar esa aguda pedritis que padece”! Quere dicir isto que non hai no municipio un técnico cualificado ou un funcionario responsábel que saiba que unha actuación nun espazo tan delicado merece
un estudo decente e as medidas de protección oportunas? Eu creo que non, só debe acontecer que está ao mando un ignorante que obvia os informes pertinentes, solicitados ou non, e que opera na
ausencia total de sensata preocupación polo patrimonio cultural. Será que aínda nas construcións antigas só ven “un mercado vello”, e que se non erguen algo novo non fixeron nada visíbel
ou politicamente rendíbel? Despois dirán que os funcionarios non traballan, mais en moitos casos é evidente que non lles permiten cumprir adecuandamente coa súa función.
Fotografía (A. F.): Xosé Vázquez Pintor nos Pendellos de Agolada. Debaixo dos seus pés obsérvanse o vello e o novo pavimento.
Veño de ler que Google dixitalizará 500.000
libros dos fondos da Biblioteca de Lyon nos próximos 10 anos. E as nosas bibliotecas? Alguén sabe que se está a facer aquí? Hai aproximadamente 3 meses, nunha das ocasións en que coincidimos
con Luis Collado, director de Google Books España, preguntámoslle se tiñan contactos co noso governo para emprender plans de dixitalización. A súa resposta foi que actualmente non, se ben
houbera un contacto inicial co governo anterior. Tamén dixo que non tiñamos por que preocuparnos, porque tiñan dixitalizado moitos fondos galegos procedentes dunha biblioteca de
Barcelona.
Aproveitamos para preguntarlle tamén por que non estaban as ferramentas de Google traducidas a galegoe explicounos que a razón era a mesma. Os governos catalán e vasco asinaran/pagaran acordos de tradución e o noso non. Ofrecémoslle o noso equipo para facer a tradución e comprometernos ás actualizacións por un tempo razoábel pero dixo que Google non traballaba así.
Preguntamos entón que pasaría se o noso governo nunca chegaba a falar con eles. Explicounos que Google tamén leva a cabo as súas propias traducións e que ten unha relación de linguas ás que ten planificado traducir as súas ferramentas aínda que non conte con cartos institucionais. Queredes saber o lugar que ocupa o galego nesa lista? Eu tamén.
O domingo de Antroido sempre foi para min unha desas datas de fusión entre o
sentimental e o telúrico que só na aldea son capaz de sentir. O tempo frío de febreiro, o cocido na casa da madriña, o fume da leña sobre os tellados cos campos e os montes ao lonxe, e dentro
todos arredor da cociña de ferro a falar e a xantar como a vella tribo no espazo ancestral. A carne do porco desaparece mentres o rito anual nos fai sentir inmortais.
Mais este ano a máxima artífice do evento, a alquimista dos sabores que nos sensibiliza cada ano o corazón, ficou na cama. Non estaba a madriña para festas, senón doente de ter vivido tanto, o
que para min representa unha triste felicidade. Con case noventa anos, pisou cos zocos moitos dos días do século XX polas terras de Tras-Deza coidando dos animais, cultivando as leiras,
fabricando tellas, carrexando polas corredoiras a máquina de coser, atendendo os vellos e os novos e sempre alimentando a todos; e o día da festa, cando todos repousan na plácida conversa, ela
aínda traballou máis. As súas vacacións foron os días de postparto, con algo de cama e caldo de galiña. É monolíngüe, solidaria e moi aberta. Lembro cando soubo da miña moza formal e me dixo:
“E logo cando vou coñecer a miña neta?”. Un tempo máis tarde, cando a miña nai se preocupaba por se a ela lle parecería ben que na aldea a miña noiva durmise canda min, como xa era asumido
noutras latitudes familiares, ela mesma se tiña anticipado: “E durmiredes xuntos, non? Non é así outras veces?”.
Onte á volta da aldea, despois de desfrutar o froito do traballo da vella e lamentar non tela ao meu carón na mesa, como viña sendo desde que nacín, na televisión Luís Tosar recibía ese Goya
tan merecido usando a lingua galega con natural orgullo, en presenza de varios representantes dun goberno galego que no sabe nin quere saber que país goberna, nin que tesouro ten por descubrir.
Naceron ollando para o alén, a aínda non foron capaces de ollar para o chan humilde e digno que pisan. Calculo que Tosar non falou galego coa intención de salvar ningunha patria, nin de quedar
ben con ningún sector social ou político, nin de facerse notar. Simplemente falou galego porque quixo e podía facelo, mais evidentemente esa actitude individual revela un forte compromiso
social. Por iso, fronte ás condutas asociais, parabéns a Luís Tosar.
Tati Mancebo: «Hai 17 anos estabamos Alfredo e eu co Chíqui Lozano e o Pedro Casteleiro, e cuns centos de persoas máis, nunha conferencia de Antonio Escohotado sobre o caos. Falaba das redes interconectadas a nivel mundial en tempo real e das posibilidades que o fenómeno abría para unha verdadeira democracia. Aquel comecei a albiscar ideas nas que aínda hoxe creo.
O Pedro preguntoulle algo que non lembro e Escohotado, logo darlle unha resposta que tampouco conservo, dixo ao noso amigo que esperaba poder cear con el aquela mesma noite. O escritor non sabía era que co Pedro levaba tamén todo o lote, e que acabariamos polos bares a altas horas da madrugada. Eu estaba fascinada pola súa facilidade de palabra e uns puntos de vista que me parecían exóticos porque aínda que revestidos de academicismo no estilo, ofrecían ideas que para min aínda soaban a novas. Tanto escoitaba eu que o Escohotado me preguntou por que eu non falaba nada. Creo que é a única vez que escoitei tal cousa. Volvémonos encontrar en Coruña noutra ocasión e estivemos na súa casa en Madrid haberá 12 anos. Despois diso non volvemos ter contacto algún.
Tomei o costume de ler os seus libros porque, aínda non estando de acordo con todo o que escribe -nin el mesmo o está pasado o tempo- e considerando algúns dos seus libros mellores que outros, sempre aprendo moitísimo; o seu modo de presentar as ideas e de razoar obrígame a reflexionar.
Los enemigos del comercio pretende ser unha historia moral da propiedade privada, nas súas propias palabras, ou unha historia de occidente centrada na economía, pero é moito máis que iso: é, como xa dixen noutra ocasión, un tratado incontestábel de ateísmo, escrito con rigor e aténdose aos feitos. [...]» (Ler máis no portal Blogaliza)
Francisco Fernández del Riego: «[...] Temos que
crear o galego da nosa época, integralmente: no seu léxico, na súa gramática, na súa pronunciación. Esta dicción debe ser o selo dos espíritos escollidos. Hai que lle dar ao idioma unha maior
riqueza fonética. Como axuda nesta tarefa, contamos con algunhas boas gramáticas. Contamos con completos dicionarios e outros complementos. Pero o material dispoñible aínda non é suficiente nin
enche de todo as directrices da obra que se necesita realizar.
O certo é, en definitiva, que fronte a nós ábrese a perspectiva dunha gran tarefa a realizar. Porque temos que permanecer indiferentes ante os modos cansos que ás veces se exercitan no campo da cultura autóctona. ¿Por qué non dinamizar unha institución de porta estreita, estreitísima en determinados puntos, se é que necesitamos honrar prácticas e principios insubornables? ¿Por qué permitir que ese marabilloso tinglado dos nosos poetas pase ao faiado das vellas bambolinas insufribles dos que utilizan só as colas e a fuchaina?
A nosa cultura debe nutrirse directamente das xeracións novas. Se a cultura escrita histórica non ten a continuidade esencial para dar a nosa unidade espiritual da cultura popular gardadora fiel do espírito da raza. E nela está a verdadeira, auténtica e única Galicia. A ela hai que ir, polo tanto, sen dilacións.» (“Sobre o problema da lingua”, en “Culturas”, LVG, 20/02/2010, p. 15).
Non deixa de satisfacernos a permanente preocupación de Fernández del Riego, podemos dicir que secular, pola lingua literaria , e aínda máis que non cese a súa vontade de vangarda. Este domingo, foi particularmente explícito no seu desexo de aleccionarnos para unha maior atención á creación dunha lingua literaria moderna, que segundo o académico debe vertebrarse atendendo:
a) O aproveitamento dos recursos gramaticais recoñecidos, con especial atención ao léxico e a unha mellorábel pronunciación;
b) Os estudos e ferramentas lingüísticas de apoio actuais non son suficientes para responder ás necesidades lingüísticas dos novos tempos;
c) A lingua literaria actual semella non ter altura suficiente en moitos casos;
d) As xeracións novas deben ser apoiadas e integradas no sistema literario, porque aseguran a vitalidade cultural.
A cuestión agora é como atender as necesidades propostas polo vello galeguista. A precaria lingua literaria que el denuncia de onde provén? De que os vellos monolíngües desaparecen? De que os bilíngües polo xeral non distinguen as invasións do castelán? De que a vida diaria está invadida pola lingua de fóra? Ou de que os nosos escritores se sorven preferentemente libros en castelán? Cando ouvimos citar os nosos autores e autoras os seus referentes literarios florecen maioritariamente nomes da literatura española ou en castelán. E cando din as plumas deste país que leron Faulkner, Joyce, Maiakovski, Adonis, Kafka, Goethe… non é probábel que teñan accedido ás súas obras através do castelán? Entón, se sempre mamamos o leite rítmico, léxico e sintáctico do castelán, que corpo lingüístico-literario habemos de criar cada día? Que tendencias pesarán na nosa man con estes referentes? Cara onde nos levará a búsola da musa? Se a fórmula é mesturar a nosa diaria castelanización co galego que aos poucos vai perdendo a sociedade, sen dúbida camiñamos para un destino diluído.
Teño para min que poucas alternativas hai, mais hoxe non as vou repetir aquí. Describir o evidente por veces resulta cansado.
Aínda teño pendente por probar a app para a DS que anda por aí e que permite ler libros na consola (por certo, alguén a probou que quere contalo?) pero, na miña persoal cruzada por andar co menor número de aparellos posíbel, tamén me chistan as opcións que aparecen para os meus fillos. O meu fillo maior é un lector voraz, desde os 3 anos, antes de saber ler, os tebeos eran unha das súas maiores afeccións. Herdou toda a miña colección de Don Mickeys, e ten en depósito a de Copitos e a de Pulgarcitos de meus irmáns. Ademais encántanlle Mortadelo e Filemón. Como ten 9 anos xa le tamén moitos libros de historias como os do amigo Agustín, que son dos que máis lle gustan, e case calquera cousa que se lle poña por diante. Pero por riba de todo, o que máis lle gusta neste mundo é xogar coa DS, tanto é así que temos que dosificarlla en pequenas pílulas na finde e apartarlla da vista durante a semana polo de agora.
Gustaralle ler na DS? A ver se instalamos a app un día destes e o comprobamos. A ver qeu tal se ven os libros, a ver que formatos podemos usar…
A nova DSI XL case duplica o tamaño da pantalla do modelo anterior e parece que a Nintendo non lle pasa desapercibido que o seu gadget, por baixo dos 200 € pode ser o lector de libros ideal para moitas persoas se escollen ben o que lles ofrecen e como o fan.
Por outra banda, estanse a anunciar nestes días
os primeiros lectores de libros especificamente deseñados para os nenos daren os seus primeiros pasos na lectura dixital. Non foi sorpresa comrpbar que son Fisher-Price e Vtech os primeiros
produtores dus gadgets con pequenas pantallas táctiles a cores, con apps de lectura, escritura, xogos e música e que non pasarán dos 80 $.
Pola nosa casa aínda anda o lector de libros de papel de Vtech, unha de tantas mostras de xoguetes que os Reis Magos pensaron que farían tolear os nenos da casa.
Noviño no armario :)
Polo momento a mellor opción das 3 semella a consola Nintendo.
Nintendo DSi XL – ebook reader for Europe? | TeleRead: Bring the E-Books Home.
O 17 de decembro de 2009 tivo lugar a Gala XXV
aniversario da Xeración de amor e desamor no Teatro Rosalía de Castro. O acto contou con algúns dos integrantes do grupo coruñés dos oitenta: Lino Braxe, Miguel Mato, Lois Pereiro (na voz do seu irmán Xosé Manuel Pereiro), Manuel Rivas e Xavier Seoane. A Asociación Cultural
Alexandre Bóveda organizou o evento que foi presentado por Consuelo Bautista. Durante o mesmo entregouse un libro-cd homenaxe a este grupo poético, con textos de voces de Lino Braxe, José Devesa, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Mato, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Xulio López Valcárcel.
«Saben que a enciclopedia de referencia en Internet, a Wikipedia, ten en galego a décima parte dos artigos que en español, pese a que a porcentaxe de galegofalantes no mundo é 0,7% da de hispano falantes? Que hai aplicacións informáticas que se traducen antes ao noso idioma que ao francés ou ao alemán? Que tamén está traducida Facebook, a rede social que tende a ter tantos membros no mundo como usuarios de Internet, e na súa irmá emerxente, Twitter, o galego está entre os 20 idiomas máis usados? O idioma propio de Galicia ten unha presenza na Rede moito máis elevada que nos medios de difusión tradicionais, e todo iso non con subvencións oficiais, como reza o mantra neoliberal, senón grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de persoas. [...]
O altruísmo tamén o practican as empresas. Algueirada, sociedade de animación cultural, é o soporte de Blogaliza, a comunidade de blogs que agrupa e difunde 2.800 das 9.000 bitácoras que se
estima existen en galego. Dálles hospedaxe, aplicacións e servizos de balde, incluído o de consulta técnica on line, un soporte certamente inhabitual. Todo, incluídos tres postos de traballo e
tres colaboradores, sufrágase cos outros ingresos da empresa, sen axudas públicas. “Nunca as pedimos. A gran construción intelectual que é o software libre é unha economía de agasallo, que non
é economía, pero si que o é. E na medida en que necesitamos axuda, a comunidade de blogs colabora, bota unha man etiquetando…” explica Pedro Silva, un vilagarcián de 37 anos que traballa a
tempo completo en Blogaliza, onde se xuntaron esforzos voluntarios para realizar AchegArte, a feira cultural que substituíu ao Culturgal cando a Xunta non se fixo cargo. [...]» (Ler máis en
El País)





